Arquivos do autor: Airiños

Romance do Cego na Cidade da Cultura

Isto que vos deixamos aquí é un romance de carácter reivindicativo na defensa do noso idioma e da nosa cultura feito para ler na entrega dos Premios da Cultura Galega ó que Airiños non asistiu por solidarización coas Artes Escénicas. Esperemos que vos guste. Viva o teatro!

“ROMANCE DO CEGO NA CIDADE DA CULTURA”
(Alterna o cego coa moza, recitando ou cantando)

CEGO: A ver rapaza, que estou perdido ¿Onde estamos? Na cidade da Cultura. Pois moita cultura pode haber para necesitar unha cidade ¿ E logo non lle chegaría cunha casa? Mira, cando acabemos repartes historias. Aos políticos non llas deas que xa teñen bastantes; e aos das bancadas non llas cobres. Teñen conta preferente.

CEGO:
Miñas donas, meus señores:
asegún a demoscopia
Airiños é a parroquia
con máis número de actores.

MOZA:
Aceptamos este premio
por ser xusto e necesario,
por non ter vía de apremio
nin desconto de salario.

CEGO:
Leva Airiños no escenario
oitenta anos dando estopa,
e chegará ao centenario
se non lle tapan a boca.

MOZA:
Se queredes coñecernos
e apreciar noso deseño,
non fai falta moito empeño,
abonda con vir a vernos.

CEGO:
Apostar pola cultura
non é malgastar os cartos;
e xa estamos máis que fartos
de tanta recortadura.

MOZA:
Rexeitamos as prebendas,
os recortes e as afrentas;
reclamamos xusto trato
para a xente do teatro.

CEGO:
Darnos ensino en galego
como na China en chinés,
non queremos paus de cego
nin camiñar ao revés.

MOZA:
Xa Castelao avisou:
mirade que non é broma,
é que se somos galegos
é gracias ao noso idioma.

Recitado a dúo:
Advertencia a señores que tienen un futuro político por diante:
tomen cursos de castrapo disfrazados de galeguidade,
pra que el día de mañana puedan ser una autoridade,
servidores de la patria, inmunes a la crítica, y echados p´alante.

CEGO: ¿Canto tempo nos levou, rapaza? Dous minutos. O tempo xusto, como está mandado. E chegoulle ben. Outros, por menos, cobran bastante máis. Ímonos que son horas.

Premios da Cultura Galega 2012 ás Artes Escénicas Cadro Artístico Airiños.
Cidade da Cultura, Santiago de Compostela, 21/02/2013

Comunicado de prensa

O Cadro Artístico Airiños de Asados (Rianxo) non asistirá á entrega dos Premios da Cultura Galega, na Cidade da Cultura, hoxe xoves 21 de febreiro de 2013, en apoio aos traballadores das artes escénicas e musicais.

O Cadro Artístico Airiños de Asados (Rianxo), grupo de teatro afeccionado en activo máis antigo da Galiza, non vai asistir á entrega dos Premios da Cultura Galega, na Cidade da Cultura, en apoio aos traballadores das artes escénicas e musicais que estes mesmos días se manifestan alí mesmo polo parón que sofre o sector. Sumámonos así á Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG), que tamén se solidarizaron deste xeito coas persoas implicadas e comprometidas coa cultura de Galicia.

O noso grupo de teatro foi o premiado na categoría das Artes Escénicas “polo traballo desenvolvido desde a súa creación, no ano 1933, que o converte no máis lonxevo de Galicia. Así, ao longo de catro xeracións, esta iniciativa veciñal vén sendo protagonista da construción dunha creatividade escénica de raíz popular desde o ámbito local”. Agradecemos este recoñecemento institucional que de ningunha maneira rexeitamos, xa que son moitas as persoas que traballaron para chegar ata aquí, e tampouco somos quen para rexeitar un premio que, entre outras cousas, non nos pertence ás persoas que estamos agora no grupo senón a tantas outros veciños e veciñas de Asados e Rianxo que se subiron ás táboas durante tantos anos. A pesar de que foi unha decisión difícil de tomar, finalmente a maioría dos actuais membros adultos en activo de Airiños decidimos sumarnos á protesta do sector teatral con esta decisión: non acudir ao acto de entrega dos premios. Apoiamos así ao sector teatral ao que, dende o afeccionado, pertencemos. E sumámonos a unha protesta que nos atinxe a todos nós: sexa como teatreiros que como consumidores de cultura.

Saúde e teatro!

Cadro Artístico Airiños 2013

O CABARET DOS 80 (ANOS DE AIRIÑOS!!!)

80anosairinhos

Airiños prepara este ano un Cabaret ben especial, o Cabaret.. dos 80 anos de Airiños!!!
A compañía cumple 80 anos e quere celebralo ao grande cun proxecto… espectacular! Así, a través da música e o humor os propios actores dramatizarán a súa propia historia, as anécdotas máis divertidas e as máis espeluznantes, os momentos máxicos e aquelas escenas nunca feitas por Airiños que agora se verán!

Maxia, xogos teatrais, música, cantos, teatro, cantigas de cego, estriptis… por que non?

Unha creación colectiva guiada por Esther F. Carrodeguas que subirá ao escenario a máis de 20 actores e actrices. Unha experiencia creativa e moi divertida que pretende darlle un aire diferente ao grupo a través da súa propia historia, pero tamén gracias a unha dinámica de ensaios completamente diferente á habitual: sen que ninguén saiba moi ben por onde se comeza… nin por onde se remata, pero sobre todo, deixándose xogar.

Quedades convidados a vernos no teatro!
E se non podedes aguantar… probade a compartir connosco un ensaio!

Superapalpadorciño, o actor de Airiños que foi ao Courel e volveu con mel

O grupo de Teatro Airiños convídavos este nadal a desfrutar có Superapalpadorciño, unha obra destinada a un público familiar.

Bo nadal e felices festas.

MÉRCORES 26 DE DECEMBRO
Rianxo: Auditorio de Rianxo – 18.00 horas

XOVES 27 DE DECEMBRO
Taragoña: Centro Cultural – 17.00 horas
Araño: Centro Sociocultural – 18.00 horas
Asados: Centro Cultural – 19.00 horas

VENRES 28 DE DECEMBRO
Leiro: Centro Cultural – 17.00 horas
Isorna: Unitaria da Bacariza – 18.00 horas