Romance do Cego na Cidade da Cultura

Isto que vos deixamos aquí é un romance de carácter reivindicativo na defensa do noso idioma e da nosa cultura feito para ler na entrega dos Premios da Cultura Galega ó que Airiños non asistiu por solidarización coas Artes Escénicas. Esperemos que vos guste. Viva o teatro!

“ROMANCE DO CEGO NA CIDADE DA CULTURA”
(Alterna o cego coa moza, recitando ou cantando)

CEGO: A ver rapaza, que estou perdido ¿Onde estamos? Na cidade da Cultura. Pois moita cultura pode haber para necesitar unha cidade ¿ E logo non lle chegaría cunha casa? Mira, cando acabemos repartes historias. Aos políticos non llas deas que xa teñen bastantes; e aos das bancadas non llas cobres. Teñen conta preferente.

CEGO:
Miñas donas, meus señores:
asegún a demoscopia
Airiños é a parroquia
con máis número de actores.

MOZA:
Aceptamos este premio
por ser xusto e necesario,
por non ter vía de apremio
nin desconto de salario.

CEGO:
Leva Airiños no escenario
oitenta anos dando estopa,
e chegará ao centenario
se non lle tapan a boca.

MOZA:
Se queredes coñecernos
e apreciar noso deseño,
non fai falta moito empeño,
abonda con vir a vernos.

CEGO:
Apostar pola cultura
non é malgastar os cartos;
e xa estamos máis que fartos
de tanta recortadura.

MOZA:
Rexeitamos as prebendas,
os recortes e as afrentas;
reclamamos xusto trato
para a xente do teatro.

CEGO:
Darnos ensino en galego
como na China en chinés,
non queremos paus de cego
nin camiñar ao revés.

MOZA:
Xa Castelao avisou:
mirade que non é broma,
é que se somos galegos
é gracias ao noso idioma.

Recitado a dúo:
Advertencia a señores que tienen un futuro político por diante:
tomen cursos de castrapo disfrazados de galeguidade,
pra que el día de mañana puedan ser una autoridade,
servidores de la patria, inmunes a la crítica, y echados p´alante.

CEGO: ¿Canto tempo nos levou, rapaza? Dous minutos. O tempo xusto, como está mandado. E chegoulle ben. Outros, por menos, cobran bastante máis. Ímonos que son horas.

Premios da Cultura Galega 2012 ás Artes Escénicas Cadro Artístico Airiños.
Cidade da Cultura, Santiago de Compostela, 21/02/2013

Unha reflexión sobre “Romance do Cego na Cidade da Cultura

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *