Xornadas de teatro amador no Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega organizou o pasado martes 28 de outubro unha xornada encamiñada a atender ao teatro amador. Unha parte fundamental do sistema teatral completo que habitualmente non é obxecto de reflexión. Baixo a coordinación de Inma López Silva e de Euloxio Ruibal celebrarase unha xornada sobre o Teatro Amador pensada para reflexionar, dignificar e situalo como parte esencial do tecido teatral galego, na cal Airiños estivo convidado e a cal acudiron Xesus Santos e a nosa actual directora Sther F. Carrodeguas.

Xesús Santos fixo un repaso histórico de Airiños que adxuntamos a este post. De seguido deu paso a Sther que describiu o modelo actual que segue o grupo.

Repaso histórico no Consello da Cultura Galega por Xesús Santos:

AIRIÑOS é o grupo teatral máis antigo do país, o decano da dramática galega. Foi fundado en Asados, Rianxo en 1933, no seo da Agrupación Galeguista. Xurdiu ilusionado coa República, enmudeceu coa barbarie belicosa. Recobrou a voz na fragor da ditadura; sorteou todas as desventuras do franquismo e segue vivo na democracia, sen claudicar do seu ideario: enaltecemento da lingua a través da escena. Airiños fixo deste medio unha práctica cultural comunitaria. Estes 80 anos de vida convertérono no colectivo artístico máis representativo da Galicia rural de entre séculos. Procede dun fogar humilde e segue sendo humilde, sen outra aspiración máis que a de fomentar a cultura popular. Foron fundadores os mestres institucionistas de Rianxo: Manuel e Xosé Rodríguez Castelao, co beneplácito de Rafael Dieste, que por eses anos exercía de director do teatro de marionetas nas Misións Pedagóxicas, convencidos da eficacia do teatro para chegar á xente coa súa mensaxe de galeguidade.

Crónica de “A Nosa Terra” do día 18 de maio de 1935 sobre o Centro galeguista e o Cadro de declamación: GRUPO DE ASADOS.- Despois de sete meses de clausura abreuse xa o local do noso grupo de Asados (Rianxo) comenzando a desenrolar unha intensa aitividade. O cadro de decramación composto polos rapaces do grupo douu duas veladas en Asados e Leiro poñendo en escena varias pezas de teatro galego. Este cadro continuará unha xeira polas terras de Rianxo e o domingo vindeiro dará unha velada en Araño…
Os currais de comedias estaban en casas da veciñanza. Luces de carburo alumeaban o eixido e arredores. O primeiro director foi un zapateiro destemido; o segundo (a partir dos anos 40), un xastriño valente. Así se calzou e vestiu o teatro do pobo, entre bigornias e agulleiros.
A bandeira azul e branca na cuncha do apuntador era outra sinal de identidade, que non deixou de poñerse aínda no franquismo (cando se podía). As veladas tiñan unha finalidade benéfica, eran para cubrir necesidades imperiosas.
Apenas había textos dramáticos en galego; así que o extravío dun libro supuña unha perda sensible; nunha ocasión houbo que convocar unha reunión urxente de sabios para reescribir un libreto e recuperar para o público a súa comedia favorita: “Na casa do ciruxano” que, xunto con “O rei da carballeira”, foron as representacións que deixaron máis pegada na posguerra.
Algún veciños artistas recoñecíanse cos nomes dos personaxes que interpretaron no seu día: Antón (do Rei da Carballeira), Mingos (da Casa do ciruxano), Freitoso (de Trato a cegas), Matapitos (de A fiestra valdeira). Saturio (de Os vellos non deben de namorarse)
O teatro de Asados é patrimonio parroquial. Nunha poboación de milleiro e medio de habitantes hai contabilizados máis de 200 artistas que desafiaron o medo escénico durante 80 anos. Catro xeracións de actores pasaron polo escenario.
O exilio e a represión deixaron pobreza (tamén cultural) na vila. Na posguerra recolleu o legado histórico de Rianxo. Nunca renunciou á mensaxe dos irmáns republicanos. Así sería o único grupo que deu obras (sempre en galego) xa desde os anos 40. E coma no país dos cegos o torto é o rei Airiños serviu de ONG, Delegación da Real Academia Galega, Galescola e tamén de Axencia matrimonial.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *