Mass co-medias en Lourenzá


Os Kabramakabra da nosa Escola de Teatro foron seleccionados para participar no I Certame de Teatro Afeccionado do Concello de Lourenzá (Lugo) coa súa obra Mass co-medias. Será un xurado formado por sete persoas o encargado de valorar a calidade das obras presentadas a concurso, a actuación dos distintos actores e actrices e a mellor montaxe (decorados, luz, son, vestiario, etc.). A representación é no Salón de Plenos do concello o domingo 5 de novembro ás 19.30h e a entrada ten un custe de 3€.

Estrea de Romeo e Xulieta

Teatro Airiños atrévese este ano co clásico de Shakespeare Romeo e Xulieta, pero por suposto, para darlle unha volta e lévao ao terreo que mellor dominan: a comedia. En todo caso, esta estrafaralia versión dunha das, posiblemente, obras máis representadas de todos os tempos, manterá a súa esencia: enfrontamentos entre familias que se odian, amor eterno da última xeración, loitas en escena, e sobre todo, moita música. Unha obra para desfrutar só ou en familia que nos recordará, coma sempre en Shakespeare, que a vida é amor… pero tamén odios.

Esta peza estrease o xoves 19, venres 20 e sábado 21 no Auditorio de Rianxo ás 21h. Tendes máis información sobre a obra e o elenco aquí.

As entradas teñen un custe de 2€ e poden mercarse anticipadamente nos seguintes establecementos:

  • Bar Berberecho (Rianxo)
  • Perruquería Pelos (Asados)
  • Estanco Xacobiño (Asados)
  • Auditorio de Rianxo (unha hora antes do inicio das representacións)

Obradoiro de Iniciación ao Teatro

Obradoiro de Iniciación ao Teatro centrado no xogo dramático, a expresividade e a creación colectiva. Durante catro xornadas traballaremos cun aluvión de ferramentas corporais e vocais a través das cales, ademais de introducirnos no mundo do teatro, iremos esquecendo as vergonzas para deixarnos levar pola improvisación, a creación de escenas, o deseño de personaxes… Indicado para persoas que nunca fixeron teatro e queren probar pero tamén para quen xa fixo algunha vez teatro amador pero lle gustaría ampliar as súas ferramentas. 100% lúdico. Sen contraindicacións.

Días: 24, 31 outubro. 7 e 14 de novembro. De 20 a 22h.

Lugar: Centro Cultural Simón Varela (Asados)

Prezo: 30€

Organiza: Teatro Airiños

Imparte: Esther F. Carrodeguas. Licenciada en Dirección de Escena e Dramaturxia pola ESAD de Galicia e directora de Teatro Airiños dende 2011.

Inscricións cubrindo este formulario